Cruceiro

mapa ficha

Referencia:

050102

Nomenclator:

3207703

Coord. UTM:

x: 60303883 y: 466332678

Concello:

Sandiás

Parroquia:

SANDIÁS

Lugar:

Sandiás

Tipoloxía:

Arquitectura Relixiosa

Tipo:

Cruceiros

Subtipo:

Cruceiro

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Barroco
Cruceiro

Descrición:

A uns cen metros da fachada da igrexa de Santo Estevo érguese fronte a fronte este esbelto cruceiro que xorde paralelo á feitura da torre que enmarca dita fachada.
 
Consta o monumento de feitura barroca de gradas de pouca altura contrapostas ó estilizado pedestal cúbico que suxeita o varal liso de sección circular rematado por varias molduras en bocel das que xorde o capitel composto, conformado por un ábaco de carnosas follas de acanto dispostas en dúas ringleiras e de maior tamaño en altura, é dicir, as follas superiores presentan maiores dimensións para adaptarse á feitura sobresaínte do xogo de volutas coroado por unha moldura poligonal de catro extremos, coincidindo cada voluta con cadanseu saínte da moldura e conformando esta un espazo en forma de media lúa, resolto co rostro dun querubín alado en cadansúa cara.
 
O cruceiro remátase con unha cruz que porta as imaxes de Cristo, na parte enfrontada cara á fachada da igrexa. Trátase dunha figura a medio camiño entre o Cristo triunfante, coroado e un Cristo doloroso. No reverso a imaxe da Virxe María, algo encorvada, co manto envolto a modo de caparazón, acobillando o corpo, arroupado por unha túnica de cuios pregues pode verse na parte inferior da figura, apoiada sobre a cabeza doutro querubín de maior realismo que os precedentes. O rostro móstrase sereo en contraposición á súa dor, evidenciada nas espadas cravadas no corazón. No pedestal existe unha inscrición en letras capitais de moi difícil lectura polo degradado da mesma.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
-Ficha do catálogo do planeamento urbanístico do concello de Sandiás. Clave de identificación: ER-3

volver a búsqueda