Pazo dos Becerra

mapa ficha

Referencia:

060134

Nomenclator:

3207806

Coord. UTM:

x: 61774320 y: 465763686

Concello:

Sarreaus

Parroquia:

NOCELO DA PENA

Lugar:

Nocelo da Pena

Tipoloxía:

Arquitectura Civil

Tipo:

Pazos

Subtipo:

Pazo

Etapa Histórica:

Idade Moderna

Estilo Relevante:

Popular
Pazo dos Becerra

Descrición:

O Pazo dos Becerra, tamén coñecido entre os lugareños como "Pazo do Señorito", está ubicado no barrio da Igrexa, a escasos 100 m. ao Sueste da Igrexa Parroquial de San Lourenzo. A súa planta describe unha U, orientada ao Norte, cun patio interior empedrado e cerrado ao Norte por un muro de perpiaño cun portón central flanqueado por dous vans rectangulares, sobre o que se dispón un escudo de nova factura.
 
Dos tres corpos que conforman o edificio, o Leste parece o máis antigo, a tenor dos materiais utilizados e da súa disposición. Os seus muros están cimentados sobre a rocha natural e levantados con cachotería encintada, e no extremo Norte presenta un remate semicircular que sobresae da liña do muro que pecha o patio interior. Os outros dous corpos, o Sur e o Oeste, están construídos con perpiaño regular, presentando encintado nalgunhas fachadas.
 
Nos ángulos interiores, resultados da unión dos tres corpos, sitúase cadansúa escaleira de acceso á planta alta do edificio, destacando a situada no esquinal Oeste, que presenta un patamal cuadrangular e unha varanda maciza de granito. Esta dá acceso ao que sería o corpo principal, o Oeste, onde se situaría a vivenda propiamente dita e que presenta un balcón sobre tres canzorros formados por tres sillares con gola e listeis, con varanda de ferro e protexido por unha prolongación do tellado.
 
O corpo Sur presenta na parte posterior unha solaina, que discorre por toda a fachada, apoiada en piares rectangulares, con varanda de ferro e cuberta pola prolongación do tellado. Esta mira para un patio traseiro, de planta rectangular, arredor do cal se dispoñen diversas construcións, cerrándoo: capela, alpendres, canastro, fonte, alpendres, pallar, etc.
 
A capela serve de peche ao patio polo Leste. Trátase dun edificio de planta rectangular, coa cabeceira orientada ao Sur, con muros de perpiaño regular enmarcados por pilastras seudodóricas que sosteñen un entaboamento que remata as fachadas e coa cuberta a dúas augas de tella francesa. A fachada principal, ao Norte, presenta porta alintelada con moldura acobadada nos ángulos e vanos cuadrangulares aos lados. Na parte superior óculo circular e frontón sobre o que se dispón unha espadana dun so arco, con arquitrabe no arranque do arco e remate triangular con cruz latina no vértice superior e pináculos laterais. Na fachada Leste, que dá ao exterior, presenta unha porta enmarcada por bandas lisas, sobre a que se dispón un estreito respiradoiro horizontal, e un muro perpendicular de peche, realizado con perpiaños irregulares, adosado.
 
Ao seu lado e sobre a portada de entrada a este patio traseiro sitúase un canastro de madeira. Este érguese sobre tres cepas de granito cos laterais cóncavos, con cadanseu tornarratos lonxitudinal de sección rectangular cos laterais troncocónicos. A cámara é de madeira, con porta de listóns verticais no lado penal que mira ao Norte. O outro penal, o Sur, está cerrado con doelas verticais enlazadas por unha dobre faixa horizontal que se prolonga tamén polos costais, onde se imbrican con cinco faixas verticais que atravesan as padieiras. A cuberta, con armazón de madeira a dúas augas e tella mixta, ten beirado con tornaventos nos catro lados. A cámara está pintada de cor granate e as padieiras e o penal Sur están reforzados cunha chapa metálica.  
 
O pazo posúe ao Sur unha gran finca na que existe un pombal ciruclar caleado en branco.
 
 
BIBLIOGRAFÍA:
GARCÍA IGLESIAS, X.M., Pazos de Galicia. T. 1, A Coruña, COAG, 1989, p. 254.
RIVERA RODRÍGUEZ, Mº T., Pazos orensanos. Vigo, Caixanova, 2000, pp. 304-305.

volver a búsqueda