Xacemento da Cidá

mapa ficha

Referencia:

060149

Nomenclator:

3207806

Coord. UTM:

x: 61852158 y: 465877588

Concello:

Sarreaus

Parroquia:

NOCELO DA PENA

Lugar:

Nocelo da Pena

Tipoloxía:

Xacementos Arqueolóxicos

Tipo:

Castros

Subtipo:

Castro

Etapa Histórica:

Idade do Ferro

Estilo Relevante:

Indeterminado
Xacemento da Cidá

Descrición:

Trátase dun castro de boas proporcións, situado nas ladeiras do monte do Viso, ao Norte de Nocelo da Pena, a 770 m. de altitude. Presenta cumio chairo, con lixeira pendente cara o oeste, e una muralla pétrea que o circunda e que se destaca do perfil do terreo. Ten un diámetro de 130 m. aproximadamente (E-O), resultando ser un lugar moi apto para o uso habitacional.
 
Está cinguido ao exterior por un terraplén duns 4 m. de altura máxima, cara o Norte, e defendido cunha dobre liña de foxo, con escarpa e contraescarpa, na zona máis accesible, a de unión coa montaña, a Leste, continuando tamén polo Norte. Por esta zona Leste e pola Oeste é onde presumiblemente se sitúan as entradas ao recinto.
 
Tanto no propio castro como nas terras de labor que o rodean pódense observar en superficie numerosos fragmentos de tégula, ladrillo e cerámica común romana, así coma outros elementos; tal é o caso do quicio dunha porta situado ao pé dun camiño que dende o Suroese da acceso ao castro.
 
Tradicionalmente, e dende que en 1898 o suxerira D. Marcelo Macías, viuse relacionando este xacemento coa Civitas e o Forum Limicorum, en base á aparición de catro pezas epigráficas descubertas no século XVIII, que estaban empotradas nas paredes da desaparecida ermida de San Pedro, situada aos pés deste castro, a escasos 200 m, pois en dúas delas se fai mención á civitas  dos límicos (ver ficha do Xacemento do San Pedro). Non obstante, e froito das investigacións en torno aos conceptos de civitas e forum e das escavacións e dos importantes achádegos que nos últimos anos se teñen realizado na vila de Xinzo, na actualidade estase a desbotar aquela relación, propoñendo este último núcleo como o lugar no que se ubicaría dito forum limicorum.
 
Accesos: antes de chegar á aldea de Nocelo da Pena, hai que desviarse á esquerda por unha pista da concentración parcelaria. Ao chegar ao final desta, a 1 km aprox., tómase un camiño á esquerda e ao chegar a dous grandes penedos, outro á dereita que leva directamente ao castro.
 
 
DOCUMENTACIÓN:
- Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Xunta de Galicia, 1990. Clave de Identificación: GA32078003.

volver a búsqueda