Estela bifronte de Nocelo da Pena

mapa ficha

Referencia:

06015302

Nomenclator:

3207806

Coord. UTM:

x: 61810072 y: 465901993

Localización:

Xacemento do San Pedro

Concello:

Sarreaus

Parroquia:

NOCELO DA PENA

Lugar:

Nocelo da Pena

Tipoloxía:

Xacementos Arqueolóxicos

Tipo:

Necrópoles

Subtipo:

Necrópole

Etapa Histórica:

Idade Media

Estilo Relevante:

Indeterminado
Estela bifronte de Nocelo da Pena

Descrición:

Estela brifonte procedente de Nocelo da Pena. Estaba formando parte da fachada da ermida de San Pedro e cando esta se arruína, o abade de Nocelo da Pena, don Antonio Bugallal, trasládaa en 1835 ao adro da igrexa parroquial de San Lourenzo, facendo con ela e outras tres inscricións máis o pedestal dun cruceiro. Posteriormente, en 1897, o bispo don Pascual Carracosa y Gabaldón doounas ao Museo Arqueolóxico de Ourense.
 
Trátase dunha lápida opistógrafa decorada en ambas as dúas caras. Na cara A, sobre un plano rebaixado e enmarcado na parte superior por un baquetón liso, están esculpidas en medio relevo tres cabezas aliñadas e en posición frontal. As tres cabezas están descubertas, e o seu curto cabelo sobresae á altura das orellas; os seus perfís son alongados, e tanto a cabeza dereita como a central están inclinadas levemente á dereita. Ambos os dous laterais foron brutalmente desbastados en sentido oblicuo, seguramente cando foi encaixada na ermida de San Pedro. O plano que discorre na parte inferior utilizouse como campo epigráfico, no que só quedan as letras centrais do que indubidablemente era un texto máis extenso, dado que a pedra tamén sufriu aquí a perda dun importante anaco.
 
Na cara B están representados en medio relevo dous personaxes de pé e en posición frontal, lucindo sinxela e longa vestimenta ata por debaixo dos xeonllos, polo que varios autores considéranos "togados"; dispóñense a derramar conxuntamente un líquido dun vaso oferente sobre o que parece ser unha gran copa de libacións, que está aos pés; o personaxe da esquerda sostén na man dereita un vaso, e o da dereita cruza oblicuamente o seu brazo esquerdo por diante do seu corpo. Sobre o plano do fondo, entre as dúas cabezas, obsérvase a liña dunha inscrición moi borrosa, e polo menos outras dúas por debaixo do vaso que están a derramar. A parte superior das cabezas dos personaxes sobresaen actualmente do límite superior repicado da pedra, uns 2,5 cm e foron desvastados por detrás nesa profundidade ata a metade do cranio.
 
En torno a esta peza existen dúas frontes de debate abertas: por un lado, a que fai referencia á propia tipoloxía da peza e, polo outro, a lectura das súas inscricións. En canto ao primeiro aspecto, actualmente, e despois de desbotar a hipótese de que se trataba dunha ara, as discusións céntranse en se se trata dunha estela funeraria (como apunta Rivas Fernández, 1983) ou dunha estela votiva (tese defendida, entre outros, por Rodríguez Colmenero, 1997; 2000, a tenor do texto e a escea da cara B). No que respecta ás inscricións, e dada a dificultade de lectura que presentan, son múltiples e variadas as interpretacións existentes, polo que a modo expositivo seleccionamos as máis significativas:
 
 Xaquín Lorenzo (1968):
Cara A: Tricivita[t / e]m Claud [u / nu]m aob[ri / gen] et ta[mag / anorum] ------   Interpretación: Conmemora un pacto federativo de tres pobos veciños: os C(a)ladunes, os Aobrigenses e os Tamagan. A palabra "tricivitas" aludiría ao resultado deste triple sinecismo (p. 28).
Cara B: Iovi O(ptimo) M(aximo)
 
 Le Roux-Tranoy (1975):
Cara A: [L]ari(bus) Civita[tis / Li] m(icorum) Claud [ius] / Taciv[s] / et Ta[pilus]
Cara B: Tapilus / Taciu[s] / v(otum) s(olverunt)
 
Rivas Fernández (1983):
Cara A: [Q[uintus) L]abicius Ta[ngi / nus·] Mac(rini)· F(ilius)· Aur[ien / sis ·an(orum) LXI·] La(bicio)· Ov[ni(us) / f(ilio)· an(norum) XLI·] et ·T(itus)· V[enus / tus ·f(ilio)· an (norum) XXVI· mate / r· et· uxori· carissi / mae h(ic)· s(itus)· e(st)· s(it)· t(ibi)· t(erra)· l(evis)· f(aciendum) c(uravit).
 
Rodríguez Colmenero (2000):
Cara A: M-a-tri(bus) civita(tis) / [pr(o) / A]m-ac(a)e Avi[t(a)e s(alute)] Taciu / s et Ta[pila]    Tradución: Tacio e Tapila ofrecen este altar ás Nais da civitas (dos Límicos) pola saúde de Ámaca Avita.
Cara B: Tapila / (et) Taciu[s] / v(otum) s(olverunt) l(ibentes) [m(erito)]     Tradución: Tapila e Tacio cumpriron o seu voto co ánimo compracido.
 
Julio Mangas (2001):
Cara A: [Ma]tri civita[tis] / [.?]amâce · Avi[1-2?] / [1-2?] Taciv[1-2] / [.?] S ET TA + +
Cara B: Non dá lectura.
 
 

volver a búsqueda